Sinopsis
Dúas mulleres sosteñen un mundo onde os coidados están en ruínas. Gladys, desde o seu eterno confinamento na casa onde traballa como interna. Ima, en eterna espera fronte ao mar ata que outro barco rompa as súas redes. As dúas teñen traballos non recoñecidos nos que as obrigas as invaden ata non deixaren espazo ás súas propias vidas. Non importa a hora á que soen os seus teléfonos. Gladys non pode contestar nunca, Ima está obrigada a responder sempre. As dúas teñen que deixar a familia atrás. Espazos que son traballo, traballos que son casas e casas que non sempre son fogares. Os recordos das súas vivencias entrelázanse nun relato sensorial que nos conduce ata unha pregunta: en mans de quen está que a situación cambie?