Sinopsis
En pura xeografía física, non é fácil determinar por onde discorre a fronteira entre Bragança e Viñais, en Portugal, e Zamora e Ourense, en España. Se a mirada se centra na xeografía humana, tampouco resulta máis sinxelo. Unha raia deseñada polos caprichos e os intereses económicos e políticos, unha liña que cambiou en diversos momentos da historia, que foi e aínda é ignorada polos residentes dos pequenos lugares. Porque souberon transitar dos tempos do contrabando á libre circulación de persoas e mercadorías sen grandes traumas. Porque falan indistintamente galego, portugués ou castelán, sen dificultade nin presunción. Porque preferiron vivir ao abeiro do sentido común, con empatía e solidariedade, compartindo o que había. “Vidas na fronteira” busca recoñecer esas existencias rozando ás veces a miseria, roldando a miúdo o heroísmo.